A guia máis solidaria sobre o Mundial de Qatar é obra de Javier Hermida, estudante do IES Sánchez Cantón

Pontevedra
18 de novembro 2022

O alumno de segundo de bacharelato deste instituto pontevedrés creou un dossier de 52 páxinas con todos os detalles sobre a competición deportiva máis esperada dos últimos anos que os interesados poden descargar de forma gratuíta e, a cambio, deixar un donativo para a campaña do Nadal do Banco de Alimentos. Xa recadou máis de 700 euros

Javier Hermida, alumno do IES Sänchez Cantón que elaborou unha guia solidaria sobre o mundial de Qatar 2022
Javier Hermida, alumno do IES Sänchez Cantón que elaborou unha guia solidaria sobre o mundial de Qatar 2022 / Mónica Patxot

O mundial está ao virar a esquina e, aínda que estea rodeado de polémica por celebrarse en Qatar, o fútbol empeza xa a acaparar todas as miradas. Proba diso é que a miles de quilómetros de Doha, un alumno do IES Sánchez Cantón, Javier Hermida, elaborou a súa propia guia con todos os detalles do evento deportivo máis esperado dos últimos anos. 

"De maior quero ser xornalista deportivo porque me gusta analizar o fútbol con emoción pero tamén con certo rigor", explica este alumno de segundo de bacharelato por que se lanzou a deseñar a súa propia publicación que pode descargarse en formato dixital, conseguila de forma física ou a través dos QR que foi repartindo polo instituto. 

Ademais do interese informativo, a guia nace cun marcado carácter solidario. "Ao ver as noticias, pensei como facer algo para recadar diñeiro para os bancos de alimentos e, así, ofrecer algo a cambio. Decidín usar a guia como un free circuíto de maneira gratuíta para quen quixese facer unha aportación. Poden deixar donativos no instituto, pero somos rapaces e os nosos medios son precarios, facemos o que podemos", explicaba o estudante con humildade.

Con todo, a súa iniciativa conseguiu moitos máis apoios dos que puido imaxinar. "Con axuda da miña nai e vía Bizum superamos xa os 700 euros. Era algo que non me imaxinaba. Superou completamente as miñas expectativas", confesa emocionado. 

A súa felicidade radica non só en darlle difusión á súa guia, tamén en que a través da mesma "conseguimos axudar a familias para que poidan pasar un inverno un pouco máis tranquilo nun momento no que cada vez se necesitan máis estes servizos".

Sobre o seu traballo, non é a primeira vez que deseña un dossier destas características. "Como me xurdiu a vea periodistca, no 2021 fixen a guia da Eurocopa. Gustoulle moito á miña familia e no 2022 fixen a da Fórmula 1 e como este ano xa esa tradición, fixen a guia do mundial", detalla Hermida a súa progresión. 

Ao longo de 52 páxinas, os lectores poderán descubrir todos os detalles de cada un dos equipos, a historia dos mundiais "para algún friki dos datos como eu" e tamén seccións temáticas como un Comunio relacionado coa guia ou unha playlist do mundial. "A guia ten unha páxina por cada equipo no que está o seu adestrador e un titular medio de broma xogando coas súas característica xeográficas ou expectativas do mundial. Tamén dous xogadores dos máis impotantes, dous xóvenes e un once teoricamente titular, porque se lesionaron xogadores a última hora, como Mané, que nos amolan o proxecto", detalla Hermida.

A campaña de captación de fondos segue en marcha. "Aínda que xa conseguimos algo inimaxinable, deixamos unha urna no instituto. Agora todo o que veña de máis xa será como superar unhas expectativas que son xa incribles", remarca este alumno do Sánchez Cantón.

No seu instituto, durante o recreo, levou a cabo este venres a presentación do seu traballo un paraninfo repleto de novos estudantes que atendían con curiosidade ás explicacións de Hermida sobre a competición e cales son os seus equipos e xogadores favoritos. A guia inclúe o seu propio prognóstico. Aposta por Brasil como campioa, acompaña no podio por Alemaña e Arxentina. E co que este futuro profesional do xornalismo deportivo sabe de fútbol, aquel a o que lle guste as apostas non debería dubidar en seguir o seu consello.