A húngara Toth e o noruegués Hoeyeraal levan o ITF Júnior de Pontevedra

Pontevedra
14 de outubro 2019

A choiva obrigou a trasladar as finais dos cadros masculino e feminino á pista cuberta de terra batida. Esta semana comeza nas canchas do CCD Sanxenxo un novo campionato internacional da mesma categoría

Entrega de trofeos do VIII ITF Júnior de Pontevedra
Entrega de trofeos do VIII ITF Júnior de Pontevedra / CCD Sanxenxo

O torneo ITF Júnior de Pontevedra pechouse este domingo coa vitoria da húngara Amarissa Toth e o noruegués Herman Hoeyeraal. A intensa choiva caída sobre as canchas do Centro Cultural e Deportivo de Sanxenxo, complexo no que se disputou a oitava edición dun torneo que ata este ano viña celebrándose nas instalacións do Mercantil de Pontevedra, obrigou a trasladar a competición ás pistas de terra batida cubertas. 

A primeira das finais disputadas foi a do cadro feminino, que enfrontou á húngara Toth coa rusa Alina Shcherbinina, que eliminara en semifinais á arousá Jessica Bouzas. Non houbo sorpresas e a cabeza de serie número dous derrotou con claridade á rusa, número 4 no ranking do torneo, por 6-2 e 6-3.

Máis disputada estivo a final masculina na que o británico Felix Gill partía como favorito. Ademais, o cambio de superficie adaptábase mellor ao xogo do británico que ao do nórdico, cuxos case dous metros de altura e potencia no saque facíao moito máis perigoso en pista rápida. A igualdade foi a tónica dominante no primeiro set, que se decidiu en favor do noruegués nun tie break no que Gill veu abaixo. Non foi capaz de remontar no segundo set, que acabou tamén decidíndose en favor de Hoeyeraal por 6-4.

A actividade tenística seguirá centrada esta semana en Sanxenxo co inicio do torneo internacional da vila turística que comeza este martes e concluirá o vindeiro domingo coa disputa da final no mesmo escenario.