Tres xornadas sen vencer, con empates fronte a Compostela e Deportivo xunto á derrota no campo do Coruxo, frearon a progresión dun Pontevedra Club de Fútbol que antes de visitar San Lázaro presumía de liderado no Subgrupo 1-A de a Segunda División B.
A pesar de encadear eses resultados, considerados como positivos ata encaixar o pasado domingo a súa primeira derrota do curso sobre todo pola maneira en que se produciu, os granates mantéñense nos primeiros postos.
Isto débese a varios factores, o principal a tremenda igualdade e competitividade que se está vivir o Subgrupo, onde calquera equipo é capaz de vencer en calquera praza.
Así, os rivais non conseguiron aproveitar os tropezos non só do Pontevedra, senón tamén do Deportivo, para sacalos dos postos que dan acceso a pelexar polo ascenso, sumando Racing de Ferrol, Zamora e Compostela só catro, catro e cinco puntos respectivamente en tres xornadas, a última con empates entre Guijuelo e Racing (1-1) e entre Compostela e Zamora (0-0), ademais da derrota do Deportivo en Riazor fronte ao Celta B.
O único que se aproveitou destes resultados foi Unionistas de Salamanca, que tras encadear catro triunfos consecutivos en liga ascendeu ao liderado con 17 puntos, polos 15 do Depor e os 13 do Pontevedra. Por detrás Ferrol e Zamora aparecen con 12 puntos e Compostela e Celta B con 11, é dicir, que desde o terceiro posto dos granates ata o sétimo só hai 2 puntos de diferenza.
Un respiro por tantopara os de Jesús Ramos, que comerán o turrón en postos de honra aínda que sabendo que non poderán baixar o ritmo nin un instante se queren defender a súa posición. No horizonte ademais aparece unha boa oportunidade co final da primeira volta e o inicio da segunda, xa que o Pontevedra comezará o ano disputando dous encontros consecutivos en Pasarón fronte a Guijuelo e Racing de Ferrol. Dous triunfos farían espantar calquera pantasma e outorgarían tranquilidade para traballar nunha competición que se está demostrando a cara de can.
Pero antes diso, chega a quenda da Copa do Rei, unha competición que ilusiona no seu novo formato e que non supoñería polo momento ningún desprazamento en caso de vencer o Cartagena o xoves (20.00 horas) en Pasarón, xa que a seguinte rolda no caso de pasar sería de novo como local ante un equipo de superior categoría.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.