A Illa das Esculturas será escenario dunha nova carreira popular, a 8K do Lérez

Pontevedra
09 de febreiro 2017

A proba, de 8 quilómetros de percorrido polas beiras do río Lérez, celebrarase o vindeiro domingo 19 de febreiro. As inscricións estarán habilitadas ata o día 16

I Galicia Cross Country na Illa das Esculturas
I Galicia Cross Country na Illa das Esculturas

A cidade de Pontevedra contará cunha nova carreira popular, á marxe do circuíto impulsado polo servizo municipal de Deportes.

Trátase da 8K do Lérez 'Correndo entre esculturas', unha proba que se disputará polas beiras do río Lérez coa Illa das Esculturas como centro neurálxico.

Alí estará instalada a saída e a meta, cun circuíto de 4 quilómetros de percorrido no que se mesturará terra e asfalto e ao que os competidores senior darán dúas voltas para completar un total de 8.000 metros de carreira sen apenas desnivel.

A 8K do Lérez celebrarase o vindeiro domingo 19 de febreiro, ás 12:00 horas a proba absoluta e desde as 11:15 horas as categorías inferiores.

As inscricións permanecerán habilitadas ata o día 16 de febreiro na web www.championchipnorte.com, cun prezo de 7 euros para cada participante, máis 2 euros de aluguer do chip de cronometraxe no caso de que sexa necesario.

A organización da proba corre a cargo de Lodeco e Multisport Galicia coa colaboración do Concello de Pontevedra.