O Pontevedra Club de Fútbol, despois de dúas xornadas consecutivas xogando na casa, volve botarse á estrada para afrontar este domingo (12:00 horas) un novo partido de liga, esta vez ante o Unión Adarve.
Será un partido particular por dous aspectos. O primeiro é a necesidade dos granates de gañar tras sete xornadas sen conseguilo, e o segundo é a mística que rodea ao equipo madrileño.
Pertencente ao barrio do Pilar, o Unión Adarve é un conxunto que se estrea na categoría e que proclama con orgullo a súa modestia e que esoutro fútbol, o de barrio, ten cabida nunha liga profesional.
Os 'lobos', como se fan chamar, marchan duodécimos con dous puntos máis que o Pontevedra (20) e estanse a mostrar especialmente sólidos cando xogan no Polideportivo Vicente Del Bosque, unha instalación de céspede artificial na que só cederon unha derrota ata o momento, ante o San Sebastián de los Reyes.
A esa ilusión deberá sobrepoñerse un necesitado Pontevedra, que non vence a domicilio desde a xornada 7 en Ferrol, único triunfo ata a data lonxe de Pasarón.
Luisito perde para a cita ao pichichi do equipo, David Añón, por sanción, mentres que Iván Martín quedou fóra da convocatoria ao arrastrar durante a semana molestias musculares. O 'desaparecido' Miguel Ángel completa con Mouriño, este por enfermidade, a nómina de descartes dunha convocatoria na que aparece o xogador do filial Cantero e que está integrada por: Edu Sousa, Anxo Pérez, Jimmy, Goldar, Bruno Rivada, Víctor Mongil, Adrián León, David Castro, Kevin Presa, Prosi, Carlos Ramos, Álex Fernández, Jorge Hernández, Álex González, Marcos Álvarez, Etxániz, Berrocal e Cantero.
Pola súa banda no Unión Adarve causa baixa por sanción o defensor Álvaro Olmedo, mentres que o adestrador Víctor Cea tamén conta cun encontro de castigo por acumulación de amoestacións e non se poderá sentar no banco.
O colexiado designado para o encontro é o andaluz José Luis Guzmán Mansilla.