A 'ilusionina' contaxia o Teucro con importantes descontos para os tres últimos partidos de liga

Pontevedra
20 de marzo 2017

Os afeccionados ao balonmán poderán aquirir un bono a prezo reducido para gozar en directo dos tres últimos partidos do equipo pontevedrés na casa esta tempada, nos que xogará o ascenso á Liga Asobal

Presentación da campaña do Teucro para os tres últimos partidos de liga PontevedraViva

A falta de seis xornadas para a conclusión da tempada regular, a 'ilusionina' gaña protagonismo na contorna da Sociedad Deportiva Teucro, que ten na súa man lograr o ascenso á máxima categoría do balonmán nacional.

Por ese motivo a directiva azul receitou tres dose de ilusión aos seus afeccionados coa campaña que presentou este luns e coa que pretende encher o Pavillón Municipal dos Deportes.

Carlos García-Alén: "El equipo tal y como está jugando merece un pabellón abarrotado que lo lleve a Asobal"

"El equipo tal y como está jugando merece un pabellón abarrotado que lo lleve a Asobal", explicou o presidente teucrista, Carlos García-Alén.

Grazas á campaña poderase adquirir un bono con entradas para os tres encontros que xogará o Teucro como local ata final de liga por un prezo reducido, de só 10 euros.

Ese bono será válido para os encontros ante Alarcos (1 de abril), Barcelona B (22 de abril) e Bordils (13 de maio) e poderase comprar nas oficinas do club no Pavillón Municipal dos Deportes ou no despacho de billetes do propio pavillón no primeiro deses partidos.

A campaña está dirixida a particulares pero tamén ás empresas da cidade. Se adquiren 10 bonos (100 euros) aparecerán na pantalla LED instalada en cada xornada que o Teucro xoga no Municipal.

Actualmente o equipo pontevedrés marcha líder da competición con 4 puntos de vantaxe sobre o segundo clasificado, o Palma del Río, que se perfila como o rival a bater para conseguir a única praza de ascenso directo e evitar así un play-off para o que os azuis xa están matematicamente clasificados.