Encher o Municipal, obxectivo do Teucro no sprint final cara ao ascenso

Pontevedra
28 de marzo 2017

Con só 10 puntos en xogo e 6 de vantaxe sobre o segundo clasificado, os azuis queren pechar canto antes o ascenso á máxima categoría e para iso esperan contar co respaldo da súa afección

Bancada do Pavillón Municipal durante o partido entre Teucro e Torrelavega
Bancada do Pavillón Municipal durante o partido entre Teucro e Torrelavega / Diego Torrado

A última xornada de liga deixou á Sociedade Deportiva Teucro nunha posición moi vantaxosa na carreira polo ascenso á Liga Asobal. A derrota do Palma del Río e o triunfo pontevedrés en Córdoba deixou aos azuis con 6 puntos de vantaxe sobre o segundo clasificado cando só restan 10 en xogo antes de finalizar a competición.

Despois de 22 xornadas sen perder o retorno á máxima categoría está preto, e no club pontevedrés queren aseguralo canto antes para evitar sorpresas de última hora. Para iso pretenden que a súa afección achegue unha dose extra e compense o cansazo acumulado no plantel nos tres últimos encontros que xogará no Municipal, empezando polo deste mesmo sábado (20:30 horas) ante o Alarcos de Cidade Real.

Unha vitoria daría aos azuis a posibilidade de ter o seu primeiro 'match ball' en Alcobendas. De aí que o Teucro queira encher o Pavillón dando un impulso á campaña de 'ilusionina' presentada hai uns días e pola que se poderán adquirir bonos con entradas para os tres partidos que restan na casa por 10 euros.

Polo momento despacháronse máis de medio cento de packs, pero espérase vender durante a semana "centos de entradas", recoñece o proipo club, polo que piden aos seus seguidores que non esperen ao mesmo día do choque ante Alarcos coa intención de evitar colas nos despachos de billetes do Municipal.

"Los jugadores se merecen el apoyo de toda la ciudad", sinala Quique Domínguez, que promete "espectáculo" aos afeccionados que decidan apoiar ao equipo na recta final da competición.

Os packs de 'ilusionina' pódense adquirir de maneira anticipada nas oficinas do club no Pavillón Municipal dos Deportes de 9:30 a 13:30 horas e de 17:00 a 20:00 horas ata o vindeiro venres, ademais do sábado nos despachos de billetes da instalación.