A imbatibilidade do Cisne como local, a proba coa "visita complicadísima" do Granollers

Pontevedra
30 de setembro 2022

O club pontevedrés, que suma os seus partidos como local nesta Liga Asobal por triunfos, recibe este domingo 2 de outubro (17.00 horas) a un dos aspirantes para ocupar a segunda posición, o Granollers, nun encontro que se xogará de novo en Príncipe Felipe

Partido entre Club Cisne Balonmano e Sinfín no Príncipe Felipe Cristina Saiz

Reto maiúsculo o que lle espera esta fin de semana ao Club Cisne Balonmán na quinta xornada de competición da Liga Asobal.

Os pontevedreses reciben este domingo 2 de outubro (17.00 horas) aínda no pavillón de Príncipe Felipe, o Balonmán Granollers nunha "visita complicadísima", asegura o segundo adestrador cisneísta, Quiños.

"Con respecto ao ano pasado perderon dous xogadores importantes como os irmáns Márquez aínda que a fichaxe de Faruk Yusuf está a ser un do xogadores revelación", analiza o técnico.

Trátase dun equipo, o catalán, que "están a facer un balonmán moi vistoso. As liñas de ataque son difíciles de parar, e logo en defensa son un equipo moi feito. Ao mínimo erro que teñas castígancho ao contraateque, haberá que estar moi ben en ataque e perder as mínimas bólas posibles para que eles non teña balóns fáciles, e logo tratar de que se vaian a ataques longos, que non estean cómodos", explica.

Iso polo menos sobre o papel é o que necesitará o Cisne para manter a súa imbatibilidade como local (dous partidos e dúas vitorias fronte a Sinfín e Benidorm), iso e superar os problemas físicos dalgún dos seus xogadores, ademais dos lesionados Román Arboleya, Bruno Vázquez, Gualther Furtado e Marko Ojeda.

No que respecta ao Granollers, terceiro da táboa con 6 puntos, chega ao partido coa bagaxe de tres vitorias e só unha derrota fronte ao intocable Barcelona.