A importancia de empezar ben na Liga Asobal

Pontevedra
23 de setembro 2015

O Teucro fíxose forte na casa e suma importantes puntos no inicio da liga antes de afrontar un esixente calendario a partir da sexta xornada. Carlos García e David Chapela atópanse entre os máximos goleadores da competición e Amérigo destaca no apartado de paradas logo dos tres primeiros partidos  

Quique Domínguez no banco do Teucro ante o Ciudad Encantada
Quique Domínguez no banco do Teucro ante o Ciudad Encantada / Diego Torrado

Tres xornadas bastaron para certificar que a Sociedad Deportiva Teucro regresou á máxima categoría do balonmán nacional para quedarse. Tres partidos nos que se fixo forte no Pavillón Municipal dos Deportes con dúas vitorias e estivo preto de puntuar na súa visita ao Go Fit Sinfín.

Os pupilos de Quique Domínguez arrancaron con forza enchéndose de moral e concientes de que haberá fases complicadas ao longo da competición, e é que do colchón que consigan os azuis nas próximas xornadas vai depender a súa tranquilidade nos próximos meses.

O equipo teucrista viaxa esta semana a Puente Genil para enfrontarse o Ángel Ximénez (sábado, 18:30 horas) e recibirá unha semana despois ao Puerto Sagunto, ambos equipos que aspiran a pelexar pola zona tranquila da clasificación.

Serán citas importantes para intentar seguir sumando puntos antes de afrontar un calendario complicado, a partir da xornada 6. Aí empezará unha serie de compromisos esixentes, empezando por dous encontros a domicilio na sempre difícil cancha do Benidorm e en Granollers.

Despois visitará Pontevedra o Ademar de León e viaxarase á pista do Villa de Aranda antes de xogar, de xeito consecutivo cos dous equipos españois que xogan a Liga de Campións, La Rioja (14 de novembro na casa) e o todopoderoso Barcelona (21 de novembro fóra).

No bo inicio liguero dos azuis, que son cuartos con catro puntos, destacan as cifras de varios dos seus xogadores, posto que Carlos García e David Chapela colocáronse no quinto e sexto posto da clasificación de goleadores, con 18 tantos, mentres Amérigo coouse no Top-10 dos porteiros con maior números de paradas.

SAMU GÓMEZ SEGUE A MENOR RITMO

Aínda que evoluciona favorablemente da súa lesión de xeonllo, que se produciu no primeiro adestramento co equipo, o pivote Samu Gómez segue a traballar á marxe dos seus compañeiros.

A recuperación está sendo máis lenta do previsto e aínda que non se descarta que poida debutar en Puente Genil, o traballo céntrase en que chegue en boas condicións ao seguinte partido de liga, en casa contra o Puerto Sagunto.