A 'Lanzarote International Regatta', banco de probas de Támara Echegoyen para os Xogos

Pontevedra
23 de marzo 2021

A regatista pontevedresa e a súa compañeira Paula Barceló, xa clasificadas para Tokyo na clase 49er FX de vela, compiten estes días en Canarias nunha cita que reúne á maioría das súas potenciais rivais nos Xogos Olímpicos

Támara Echegoyen e Paula Barceló na Lanzarote International Regatta
Támara Echegoyen e Paula Barceló na Lanzarote International Regatta / Lanzarote International Regatta

Cada vez queda menos tempo para os Xogos Olímpicos, e nun ano no que as opcións de competir son menos das habituais debido ás restricións, calquera ocasión de medirse coas mellores hai que aproveitala ao máximo.

É o que fan estes días Támara Echegoyen e Paula Barceló, clasificadas para Tokyo na clase 49 erFX de vela e que participan na Lanzarote International Regatta.

Na illa canaria, onde estableceron o seu cuartel boa parte da frota internacional, a regatista pontevedresa e a súa compañeira de equipo mídense a moitas das súas teóricas rivais para a Olimpíada.

É pois todo un banco de probas, no que o resultado non é o máis importante e si o son as sensacións.

Polo momento, despois de dúas xornadas, as cousas a nivel clasificatorio non marchan todo o ben que esperaban as actuais campioas do Mundo, que tras un primeiro día a bo nivel víronse relegadas á 16ª praza da xeral por dúas descualificacións.

Echegoyen e Barceló arriscaron o luns na saída para poder navegar con vento libre, nunha xornada de menor intensidade nos refachos, adiantándose á liña. Unha aprendizaxe valiosa do que pode suceder en Tokyo, con condicións moi variables no campo de regatas.

As norueguesas Helena Næss e Marie Rønningen son polo momento as líderes, seguidas das brasileiras Martine Grael e Kahena Kunze e das holandesas Annemiek Bekkering e Annette Duetz.

A Lanzarote International Regatta é unha proba clasificatoria europea e africana para Tokyo, o que incrementou notablemente o seu nivel de participación.