O Club Cisne Balonmán volve á acción despois dunha semana de descanso que "esperemos que servise para cargar pilas, porque o equipo non puido rotar polas numerosas baixas", recoñece o seu segundo adestrador, Quiños.
A Liga Asobal volve ademais cun encontro na casa, recibindo o Bada Huesca (domingo, 12.00 horas) nun choque que aínda se xogará no pavillón de Principe Felipe.
Os pontevedreses, plenos de moral tras o seu triunfo en Cuenca, contarán para a cita con máis efectivos, polo que "coa chegada de Chapela que dará un pouco máis de rotación e a recuperación dalgún dos lesionados esperemos dar o nivel", explica o segundo preparador.
En canto ao rival, a pesar de contar con 4 puntos na táboa polos 6 do Cisne, o da Boa Vila non se fían xa que "é un proxecto super consolidado na liga Asobal, asentado na zona media e que mesmo xogou competición europea".
Ademais "é un equipo sempre moi competitivo, con moito ritmo", como demostra a súa alta media goleadora ata a data (32 por partido), ao que se suma "un dos pivotes máis decisivos da categoría como Iván Montoya". Por todo iso, anticipa Quiños, "esperamos un partido bastante duro".