A Liga LEB Ouro non para por Nadal para o Peixe Galego, que recibe na Raña o Oviedo

Marín
27 de decembro 2019

Unha vitoria este sábado na Raña (20:00 horas) ante o Oviedo no último partido do ano reengancharía ao equipo marinense á pelexa pola permanencia na segunda categoría do baloncesto nacional

Adestramento do Peixe Galego
Adestramento do Peixe Galego / Mónica Patxot

Coa moral recargada tras o seu triunfo en Castelló e coa intención de reengancharse á pelexa pola permanencia. Así afronta o Peixe Galego unha nova xornada na Liga LEB Ouro, a última do ano ao non descansar por Nadal.

O cadro marinense recibe ademais este sábado (20:00 horas) na Raña a un rival directo, o Liberbank Oviedo, que cun balance de 4-10 (dous por encima do  Peixe) marca a fronteira da salvación na segunda categoría do baloncesto nacional.

"Venimos de hacer un muy buen partido en Castellón, vamos a ver si eso nos anima a seguir en la misma línea y nos da más opciones de poder ganar", sinala Javi Llorente ante a importante cita contra un rival que, asegura, ten máis potencial do que reflicte a clasificación xa que "con los cambios de jugadores que han hecho el equipo se ha reforzado y ha ganado en veteranía".

O técnico dos de Marín poderá contar para o choque con todo o plantel á súa disposición, unha vez recuperado Filip Toncinic da microrrotura muscular que lle apartou do equipo a pasada fin de semana.

Ante a importancia do partido, a directiva do Peixe Galego convidou a clubs da zona co obxectivo de que A Raña ofreza un gran ambiente e empuxe ao equipo cara á súa terceira vitoria da tempada.