A Majadahonda sen Añón e a pola cuarta consecutiva

Pontevedra
14 de outubro 2017

O Pontevedra Club de Fútbol visita este domingo (12:00 horas) o campo do Rayo Majadahonda na busca da que sería a súa cuarta vitoria consecutiva en liga. Os granates, que contarán coa baixa do seu máximo goleador, non encadean dous triunfos a domicilio desde hai dúas tempadas

David Añón, durante un adestramento do Pontevedra en Pasarón
David Añón, durante un adestramento do Pontevedra en Pasarón / Mónica Patxot

O Pontevedra Club de Fútbol viaxa a Madrid coa intención de prolongar o seu bo momento de resultados encadeando a que sería a súa cuarta vitoria consecutiva na liga.

Os granates visitan este domingo (12:00 horas) o Cerro do Espino para medirse ao Rayo Majadahonda, sexto clasificado con 13 puntos.

Hai dúas tempadas que o Pontevedra non logra dous triunfos consecutivos fóra da casa e enlazar ata catro xornadas gañando, algo que podería conseguir esta fin de semana confirmado a súa progresión no último mes de competición.

Luisito puido traballar durante a semana coa maior parte do persoal, pero contará coa importante baixa de David Añón. O pichichi do equipo non se recuperou dun golpe sufrido na última xornada e quedou fóra da convocatoria xunto ao tamén lesionado Jimmy e xunto a Álex Fernández, no seu caso por decisión técnica.

Desta forma a convocatoria de 18 futbolistas compóñena: Edu, Anxo, Miguel, Goldar, Bruno, Álex González, Adrián León, Jorge Hernández, Mongil, Berrocal, Marcos Álvarez, Carlos Ramos, Iván Martín, Mouriño, Kevin, Etxániz, Prosi e David Castro.

Rayo Majadahonda e Pontevedra non coinciden en liga desde a campaña 97-98, un equipo madrileño que a pasada campaña disputou o play-off de ascenso a Segunda División e que chega á cita tamén en bo momento, despois de tres xornadas sen perder.

Con todo, o Rayo mostrouse irregular no seu estadio, no que gañou dous partidos e perdeu outros dous, curiosamente ante equipos galegos como o Coruxo (1-2) e o Fabril (0-1).

O colexiado do encontro será o tinerfeño Alexander González González.