A Malata, escenario de nivel para confirmar a melloría granate

Pontevedra
30 de setembro 2017

O Pontevedra Club de Fútbol buscará este domingo (17:00 horas) a súa segunda vitoria consecutiva na casa dun Racing de Ferrol que aspira a todo esta campaña. Os granates non vencen lonxe de Pasarón desde o mes de marzo e non o fan en Ferrol desde a campaña 2009/2010

Adestramento do Pontevedra en Pasarón
Adestramento do Pontevedra en Pasarón / Mónica Patxot

Partido duro o que lle espera ao Pontevedra Club de Fútbol en Ferrol, na busca da segunda vitoria da tempada e de deixar atrás definitivamente o seu mal inicio de curso.

Os granates visitan este domingo (17:00 horas, TVG2) o Estadio da Malata e a un Racing de Ferrol que aspira a todo esta campaña co obxectivo de espatantar as pantasmas que perseguen ao equipo fóra da casa. Non en balde os de Luisito non gañan a domicilio desde o pasado mes de marzo (Lealtad), e non o fan tampouco en Ferrol desde a campaña 2009/2010.

A pesar diso no equipo confían en seguir progresando e en poñer as cousas difíciles a un Racing que, aínda que é o equipo menos goleado do grupo e acumula 11 puntos na táboa, xa cedeu unha derrota (Navalcarnero) e un empate (Fabril) no seu campo.

A principal incógnita no Pontevedra é saber quen ocupará o lugar do lesionado Jimmy no lateral zurdo, posto que se disputan David Castro, Bruno Rivada ou mesmo Álex González, que para iso debería atrasar a súa posición natural.

No Racing pola súa banda a principal ausencia segue sendo a do seu goleador Joselu, lesionado. Baixa importante para un Miguel Ángel Tena que agarda "un partido muy intenso, bonito para el espectador" e ante un "rival directo por estar a final de temporada en el play-off", sinalou en declaracións a Ferrol360 o adestrador departamental.

O colexiado do encontro será o cántabro José Alberto Pardeiro Puente.

ESTREA DO SEGUNDO EQUIPAMENTO

Aínda que non existe coincidencia de cores co Racing, o Pontevedra confirmou que estreará en Ferrol o seu segundo equipamento, de cor negro. O club deu a coñecer a imaxe da camiseta este venres a través das súas redes sociais.