A marcha cicloturista '4 Picos Road' apraza ata o 25 de outubro a súa cuarta edición

Pontevedra
27 de abril 2020

A proba ciclista estaba fixada inicialmente para o día 21 de xuño, pero ante as restricións actuais recolocouse no calendario coa esperanza de poder celebrala no mes de outubro

Terceira edición da 4 Picos Road 'Clásica Evaristo Portela'
Terceira edición da 4 Picos Road 'Clásica Evaristo Portela' / Diego Torrado

O calendario deportivo da cidade segue readaptándose aos poucos coa esperanza de retomar nalgún momento a normalidade e conseguir salvar algúns dos eventos previstos.

É o que lle pasou á Pontevedra 4 Picos Road 'Clásica Evaristo Portela', que tiña previsto celebrar a súa cuarta edición o próximo 21 de xuño pero que finalmente optou polo aprazamento.

Así o anunciou a organización do evento, Global  DxT, fixando a nova data para a marcha cicloturista no domingo 25 de outubro.

"Ao comezo desta crise a idea da organización era a de manter a calma e a data da proba, debido a que considerabamos que non podiamos apresurarnos a tomar unha decisión e debiamos esperar a ver como sucedían os acontecementos e cales eran as indicacións das autoridades competentes. Actualmente, xa sabemos que o desconfinamento será lento e pausado para poder facer as cousas ben, e é por iso, que a dous meses vista, consideramos que o aprazamento é a mellor das solucións nestes momentos", explicaron.

A nova data foi consultada coa Federación Galega de Ciclismo, pero ante a posibilidade de que a algúns deportistas xa inscritos o cambio non lles permita acudir ofrécese ou ben cambiar a titularidade da praza a devolución do 100% do importe adiantado.

Na súa cuarta edición a Pontevedra 4 Picos Road tiña previsto variar o seu percorrido pero mantendo a súa esencia, con ao redor de 127 quilómetros de ruta e un desnivel acumulado positivo de 2.700 metros.