O Pontevedra Club de Fútbol non estará só o vindeiro domingo 20 de febreiro (18.00 horas) na súa visita ao Espiñedo, estadio do CD Arenteiro.
Tras dúas derrotas consecutivas os granates queren volver recuperar o seu mellor nivel para manterse na pelexa polo liderado, e a afección poñerá do seu parte para axudar no posible co seu alento desde as bancadas.
O club pontevedrés habilitou para este desprazamento un autocar gratuíto patrocinado por Talleres Hemicar que partirá ás 12.00 horas do mediodía do domingo desde o Pavillón Municipal. A saída desta autobús está garantida ao quedar só dispoñibles á primeira hora do xoves 4 prazas, que esperaban completarse ao longo da xornada.
A esta viaxe organizada hai que sumar a venda de entradas que efectuou o Pontevedra nas súas oficinas nos últimos días, despachando o cento de localidades que lle enviou o Arenteiro. De feito ante tal demanda, a entidade de Pasarón solicitou 50 tickets máis pñéndoos á venda este mesmo xoves.
A 'Marea Granate', tan habitual anos atrás, parece ter espertado do seu letargo, primeiro cun notable desprazamento a Santiago de Compostela e agora coa viaxe ao Carballiño. Unha gran noticia para o Pontevedra Club de Fútbol.