A marinense Antía Sestelo báñase en ouro no Campionato de España Sub-18 de lanzamentos

Marín
25 de febreiro 2019

A deportista do Ría de Ferrol conseguiu a fin de semana en Castelló a súa mellor marca persoal, con récord galego incluído, para confirmarse como unha das grandes promesas do atletismo galego e nacional levando a medalla de ouro no lanzamento de xavelina da súa categoría

Antía Sestelo, tras vencer no Campionato de España Sub-18 de Lanzamentos
Antía Sestelo, tras vencer no Campionato de España Sub-18 de Lanzamentos

A progresión que está a experimentar nos últimos meses a marinense Antía Sestelo parece non ter fin.

A nova atleta, que desde esta campaña defende as cores do Ría de Ferrol dando o salto á división de honra, vén de lograr a medalla de ouro no IV Campionato de España de Inverno de Lanzamentos Longos celebrado en Castelló.

Sestelo, que competía na proba de xavelina 500 gramos na categoría sub-18, bateu a súa mellor marca e logrou establecer un novo récord galego para subir todo o máis alto do podio.

Fíxoo grazas ao seu último intento, no que conseguiu enviar a xavelina a 47.74 metros, case 2 metros máis que o lanzamento que a colocaba na cabeza do concurso, na súa terceira quenda.

Con este rexistro Antía Setelo superou en tres metros á súa inmediata perseguidora, Paola Lavernia (Playas de Castellón), que asinou unha marca de 44.73 metros. Pola súa banda o bronce foi para Paula Rodríguez (AD Marathon) cun mellor lanzamento de 43.63 metros.

Un resultado que reforza o traballo da atleta adestrada por Javier López Viñas para a tempada de verán.

O CGTD, ESCENARIO DO CAMPIONATO GALEGO

Ao mesmo tempo celebrouse en Pontevedra o Campionato Galego de Lanzamentos Longos, nas instalacións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, unha cita na que o club local, a Sociedad Gimnástica, tivo especial protagonismo ao facerse con ata 13 medallas.

O equipo pontevedrés copou as prazas de podio na xavelina feminina (Andrea González, Claudia Puig e Ángeles Filgueira), e na modalidade de disco tanto feminina (Claudia Puig, María Jiménez e Sandra Carballo) como masculina (Víctor Gallego, Francisco Javier Guzmán e Imanol Cardona).