A marinense Lorena Patiño coróase no Campionato de España de XCO

Marín
15 de xullo 2024

A ciclista do XSM de Marín triunfou a carreira júnior do Campionato de España de Cros Country Olímpico (XCO) celebrado en El Almendro (Huelva)

Lorena Patiño proclámase campioa de España júnior de XCO
Lorena Patiño proclámase campioa de España júnior de XCO / Federación Galega de Ciclismo

Lorena Patiño segue a escribir páxinas destacadas no seu palmarés a nivel nacional, e é que a ciclista marinense conseguiu o que é o seu terceiro título estatal consecutivo de Cros Country Olímpico (XCO).

Foi o primeiro na categoría júnior, ao impoñerse no Campionato de España celebrado este domingo en El Almendro (Huelva).

A ciclista do XSM de Marín mostrouse intratable na súa categoría, dominando a proba con autoridade de principìo a fin para completar o percorrido en 1 hora, 17 minutos e 20 segundos, con 3'43'' de vantaxe sobre a segunda clasificada, a andaluza Ana María Mena. Terceira foi Mónica Estrada (A Rioxa).

Na carreira júnior feminina participaron tamén con resultados destacados Aroa Otero (Supermercados Froiz), cun quinto posto, e Marta Estévez (XSM) que foi novena. Compartiron carreira ademais coa categoría elite, na que a grovense Lara Lois defendía título asinando o sexto posto final.

O ciclismo galego celebrou ademais a medalla de prata do ourensán Alejandro García na proba júnior masculina, mentres que Jorge Aguín (Moto Bike) foi tamén segundo na categoría máster-40.