A medalla máis celebrada polo Bádminton Ravachol Pontevedra

Pontevedra
28 de novembro 2022

O xove Miguel Albores conseguiu en Palencia a primeira medalla nun Campionato de España para un deportista formado nas escolas deportivas do club pontevedrés

Miguel Albores, coa medalla conseguida no Campionato de España Sub-11 de bádminton
Miguel Albores, coa medalla conseguida no Campionato de España Sub-11 de bádminton

O Club Bádminton Ravachol Pontevedra celebra a súa medalla máis especial, máis aló dos resultados conseguidos polos seus xogadores no Campionato de España Sub-11 e Sub-19 celebrado a fin de semana en Palencia.

Na cita o xove Miguel Albores fixo historia para o club deportivo pontevedrés ao conseguir, en idade Sub-11, a primeira medalla nun campionato nacional dun xogador formado nas súas escolas deportivas.

Conseguiuno na modalidade de dobres, formando parella co coruñés Xavi Freire. Ambos os dous deron a sorpresa ao vencer os principais cabezas de serie para meterse nas semifinais, rolda que non superaron ao caer cos madrileños Gael Fernández e Álvaro López nun apertado encontro, tendo que conformarse co bronce.

Albores competiu ademais no cadro individual, aínda que non puido pasar da fase de grupos.

Pola súa banda na categoría Sub-19 Hugo Salgueiro disputou a modalidade de dobres xunto a Manuel Míguez (CB A Estrada), alcanzando os cuartos de final e concluíndo nunha meritoria quinta posición.