A "mítica" Subida A Escusa quenta motores para a súa XXIV edición

Poio
28 de maio 2024

A popular proba automobilística, que terá lugar este ano o sábado 8 e o domingo 9 de xuño, foi presentada oficialmente este martes na Praza do Mosteiro 

Presentación da XXIV Subida A Escusa
Presentación da XXIV Subida A Escusa / Concello de Poio

A Subida A Escusa é unha proba de motor "mítica, que leva moitos anos no calendario, moi consolidada e que se celebra nunha contorna incomparable", asegura o presidente da Federación Galega de Automobilismo, Antonio Rodríguez. Por iso trátase dunha cita imprescindible cada tempada.

Nesta ocasión a carreira, terceira puntuable do Campionato Galego de Montaña, celebrarase na súa XXIV edición o sábado 8 e o domingo 9 de xuño. Antes, para ir quentado motores, este martes produciuse a súa presentación oficial na Praza do Mosteiro, en Poio.

"Celebrar 24 anos de proba quere dicir que detrás hai moito traballo, cariño, esforzo e ilusión", asinou o alcalde, Ángel Moldes, acompañado da presidenta da Escudería Buxa Motor Poio, Noemí Blas; o presidente da federación autonómica; o deputado provincial Javier Tourís; e o delegado de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides.

"O éxito da subida é o público, que a converten nunha das máis multitudinarias coa xente que se xunta nas proximidades do circuíto", lembrou Moldes sobre un evento que reúne cada ano a miles de afeccionados ao motor.

Nesta ocasión, aínda que a inscrición non pechou, serán calculan ao redor de 70 os pilotos participantes, cunha programación que arrincará ás 15.30 horas do sábado cos adestramentos oficiais previos á primeira manga oficial cronometrada (a continuación). O domingo pola súa banda a hora de inicio será as 9.30 horas, cunha pasada de adestramento e dúas mangas máis cronometradas que definirán o vencedor.

Durante a presentación da subida o alcalde avanzou ademais que Poio acollerá o próximo mes de xaneiro a gala anual da Federación Galega de Automobilismo.