"A morte" a Ponferrada e con todo o plantel

Pontevedra
01 de abril 2017

O Pontevedra visita este domingo (18:00 horas, El Toralín) o campo da Ponferradina na procura de deixar encamiñada a súa presenza na fase de ascenso."Faltan sete partidos e os sete imos a ir a morte a ver a onde chegamos", defende Luisito, o adestrador granate

Luisito e Roberto Valdés nun adestramento en Príncipe Felipe
Luisito e Roberto Valdés nun adestramento en Príncipe Felipe / Mónica Patxot

O Pontevedra ten a opción este domingo (18:00 horas, El Toralín) de dar un golpe de efecto na liga e deixar encamiñada a súa presenza no play-off de ascenso.

Con ese ánimo viaxa a expedición granate a Ponferrada, conscientes de que un triunfo ante a Ponferradina descartaría definitivamente aos do Bierzo e, a falta do que faga o filial do Valladolid, deixaría ao Pontevedra a un paso de certificar o cuarto posto.

Luisito: "Faltan sete partidos e os sete imos a ir a morte a ver a onde chegamos"

"Faltan sete partidos e os sete imos a ir a morte a ver a onde chegamos", defende Luisito. 

O técnico de Teo non se fía do mal momento dos de Ponferrada, que acumulan tres derrotas derrotas consecutivas e só un triunfo nas últimas sete xornadas pero que "a nivel individual teñen do mellor da categoría", asegura. É máis, para Luisito "todo oumundo pensaba que ían acabar campións", confesa sobre o potencial do rival.

Para o encontro no Toralín o prepador granate recupera a Miguel Loureiro, Bonilla e a Mario Barco, que volve ao equipo tras dúas semanas de ausencia por lesión. Pola contra Kevin Presa é baixa Pontevedra por sanción e Portela por lesión. Estas ausencias, que obrigarán a variar o once inicial, unida á de Iker Alegre fai que sexan 18 os futbolistas do primeiro plantel dispoñibles: Edu, Canedo, Adrián, Miguel, Bonilla, Capi, Bruno, Jacobo Trigo, Álex Fernández, Abel, Álex González, Jacobo Millán, Añón, Mouriño, Eneko, Miki, Mateu e Mario Barco.

A pesar diso, non serán só os dispoñibles os que viaxen, xa que o técnico de Teo, consciente da importancia do partido e co fin de facer grupo, decidiu desprazar ata Ponferrada a todo o plantel.

Pola súa banda Miguel Ángel Álvarez Tomé, adestrador da Ponferradina desde hai unha semana, non poderá aliñar ao defensor Gonzalo, expulsado ante o Celta B, e os centrocampistas Jonathan e Chavero por cumprir ciclo de amoestacións. Ademais José Antonio Ríos e Cidoncha son dúbida.

O árbitro do encontro será Borja Martínez García, do colexio territorial rioxano.