A natación galega é cousa do Galaico

Pontevedra
09 de xullo 2017

O equipo pontevedrés foi o mellor club en cada unha das tres categorías do Campionato Galego de Verán que se pechou este domingo no Complexo Olímpico Rías do Sur

Remuda 4x100 libre do Galaico tras bater o record galego
Remuda 4x100 libre do Galaico tras bater o record galego / Federación Galega de Natación

Unha vez máis o Club Natación Galaico demostrou ser, neste momento, o mellor club galego ao arrasar no Campionato Galego de Verán celebrado no Complexo Deportivo Rías do Sur.

Os pontevedreses fixéronse polo título por equipos nas tres categorías: absoluta, junior e infantil. Ademais foron o mellor equipo en categoría absoluta tanto masculina como feminina.

Despois de catro días de competición na piscina olímpica de Pontemuíños, o Galaico concluíu este domingo cun total de 1.221 puntos na máxima categoría, dobrando mesmo ao segundo clasificado, o Pabellón Ourense (608 puntos), e sendo terceiro eo CN Riveira (543,5 puntos).

En idade junior o club pontevedrés dominou con 591 puntos, superando a Portamiña de Lugo (530 puntos) e CN Liceo (512 puntos), mentres na categoría infantil acumularon 504,5 puntos para vencer a Club del Mar (479,5 puntos) e Portamiña (413,5)

Durante todo o campionato puido verse a moitos nadadores mellorar as súas marcas e mesmo se rexistrou algún record galego. Un deles foi a remuda 4x100 libre do Galaico, que estableceu un tempo de 3:54.86 con Antía García, Clara Otero, Bea Gómez e Águeda Cons como relevistas.

Todo un reforzo ao traballo do club pontevedrés antes de afrontar durante o resto do verán os diferentes campionatos nacionais.