A natación pontevedresa ten garantida a substitución xeracional

Pontevedra
04 de abril 2017

O Club Natación Galaico finalizou no segundo posto do XII Trofeo Promesas do Lérez celebrado na piscina olímpica de Pontemuiños, competición á que acudiron 18 clubs de Galicia e Portugal

XII Trofeo Promesas do Lérez de natación
XII Trofeo Promesas do Lérez de natación / Diego Torrado

O futuro está garantido para a natación galega e pontevedresa. Así o demostrou o Club Natación Galaico no XII Trofeo Promesas do Lérez organizado polo club na piscina olímpica de Pontemuiños.

O club pontevedrés finalizou no segundo lugar da clasificación xeral da xornada, só superado polo Club Natación Portamiña de Lugo e por diante do Club Natación Liceo.

A nivel individual, varios nadadores do Galaico lograron a marca mínima que lles permitirá asistir ao Campionato de España de Verán nas Piscinas Picornell de Barcelona.

En total participaron no trofeo ata 18 clubs de Galicia e Portugal, máis de 450 nadadores en idade prebenxamín, benxamín e alevín para os que en moitos casos era o seu primeiro contacto cunha competición en piscina de 50 metros e con cronometraxe electrónica.