Sen apenas descanso tras unha fin de semana na que se celebrou na cidade o Campionato Galego de Nivel, a natación sincronizada galega volve ter unha cita co IX Trofeo Concello de Pontevedra.
Nesta ocasión a organizavión recae no Club Natación Sincronizada Pontevedra, que conta con reunir este martes 27 de xuño 250 deportistas de cinco clubs na competición que terá lugar nas instalacións do Casino Mercantil.
Pese ao mal tempo previsto e que se disputará nunha piscina ao aire libre, o trofeo "seguirá adiante", confirmou a presidenta do club pontevedrés, Teresa Pérez.
Á cita acudirán, ademais do club anfitrión, o Galaico Sincro, RCN Vigo, Rías Baixas e o Sincro Inca de Mallorca.
Trátase dun trofeo de escola e para as categorías base I, II, III e IV, con rutinas libres e combiunadas, que arrincará ás 11:00 horas e que tras unha pausa ao mediodía continuará desde as 16:30 horas.
Aproveitando a ocasión, o Club Natación Sincronizada Pontevedra sinalou ademais que "por primeira vez imos presentar un equipo senior" ás próximas competicións, un proxecto no que levan traballando durante os últimos meses.