A pivot xamaicana, Tajay Ashmeade, abandona o Arxil

Pontevedra
25 de decembro 2013

O representante da xogadora comunicou ao club que fará efectiva unha clausula que tiña no contrato que lle permite marchar en caso de que un equipo de categoría superior se interesase polos seus servizos. Os indicios apuntan a que o seu destino é o Burgos. O cadro técnico do Arxil sonda xa o mercado en busca dunha substituta

A xogadora xamaicana Tajay no partido entre Arxil e Café Barco Badajoz
A xogadora xamaicana Tajay no partido entre Arxil e Café Barco Badajoz / Diego Torrado

Nas últimas tempadas o nadal non é sempre agradable para a dirección deportiva do Club Baloncesto Arxil. Hai dúas tempadas a americana Raichel Alison marchaba a un club de Liga Feminina (o Burgos) e nesta tempada, cando todo empezaba a funcionar con tres vitorias consecutivas que situaban o equipo na sétima posición, chega a noticia de que a xogadora Tajay Ashmeade fará efectiva unha clausula que tiña no contrato que lle permite abandonar o club en caso de que un equipo de categoría superior se interesase polos seus servizos.

Aínda que non transcendeu cal é o club que está detrás da oferta á pivot xamaicana, hai indicios que apuntan a que de novo é o Burgos quen se cruza no camiño do club pontevedrés, para levarse á súa xogadora máis determinante e peza clave no equipo de Mayte Méndez.

O representante da xamaicana dirixiuse ao Arxil para facerlle saber que Tajay Ashmeade non se reincorporará ao equipo á finalización das vacacións.

Para o director deportivo arxilista, Lino Vázquez, esta é unha mala noticia para o primeiro equipo, xa que despois dun comezo con titubos, Tajay parecía ter encontrado o equilibrio, achegando rebotes, intimidación e puntos, provocando tamén que as demais compañeiras desen un paso adiante. Lino Vázquez tamén recoñece que se equivocou ao aceptar un contrato con esa cláusula que significa un evidente prexuízo para o equipo, e que non o debe facer no futuro.

Tajay Ashmeade únese á xa larga lista de xogadoras que estiveron no Arxil e fóronse a equipos de Liga Feminina, como son os casos de Candy Navarro, Zora Scravalova, Linnea Lijestrad, Selma Delibasic, Tatiana Gómez Keshler, Daniela Peteva, Zane Jokabsone, Raichel Alison, Valeria Kast e agora a xogadora xamaicana.

Tras encaixar a noticia, os responsables do Arxil, Mayte, Marita e Sam, co mesmo Lino Vázquez, puxéronse a buscar un relevo, coa intención de que a nova xogadora veña a principios do próximo mes de xaneiro, e poida estar xa co resto das xogadoras ao regreso das vacacións, o que lle permitiría debutar ante a afección do Arxil no torneo de nadal, o 4 e 5 de xaneiro, e no derbi ligueiro fronte ao Cortegada, o 11 de xaneiro, en Fontecarmoa.

A busca está centrada nunha pivot de corte moi similar á xamaicana e que se adapte ao presuposto do club, a ser posible comunitaria ou española, descartando nun principio que sexa estranxeira.