A polos tres primeiros puntos da tempada en Barreiro

Pontevedra
19 de agosto 2017

O Pontevedra inicia a liga este domingo (12:00 horas) no municipal vigués de Barreiro ante un renovado Celta B coa intención de reafirmar as boas sensacións da pretempada e arrincar a competición con bo pé. Luisito, sancionado, non poderá seguir o encontro desde o banco

Bruno e Mongil (a dereita) nun adestramento do Pontevedra en Pasarón
Bruno e Mongil (a dereita) nun adestramento do Pontevedra en Pasarón / Mónica Patxot

Foi unha longa espera, pero xa é historia. O Pontevedra Club de Fútbol inicia a liga este domingo (12:00 horas) no municipal vigués de Barreiro coa intención de sumar o seu primeiros tres puntos da competición.

O rival na primeira batalla será un renovado Celta B, cun plantel novo e moi cambiado con respecto á que a pasada campaña pelexou polo primeiro posto de grupo pero "un filial dun equipo de Primeira sempre ten futbolistas do mellorciño", avisa Luisito.

Luisito: "a primeira xornada de liga sempre é unha incógnita"

Os granates, co listón alto despois da cuarta posición da tempada pasada, chegan á cita tras unha positiva fase de preparación, algo que pouco contará unha vez que comece a rodar o balón nunha primeira xornada de liga que "sempre é unha incógnita", asegura o técnico de Teo, que espera "un filial moi intenso" e un partido "difícil".

Non estará no banco Luisito, sancionado por dúas xornadas tras a súa expulsión no último partido do pasado play-off e que recoñece que lle gustaría chegar á cita cun par de semanas máis de adestramento porque "a uns xogadores estalles custando máis que a outros" entrar na dinámica do equipo.

Ningún xogador do primeiro plantel está sancionado no inicio ligueiro e, salvo contratempo de última hora, tampouco a enfermería conta con inquilinos, polo que o preparador granate convocará a todos os futbolistas e realizará os descartes pertinentes ao chegar a Vigo. Un deles será seguro o recentemente chegado Iván Martín, con só dúas sesións de traballo co grupo ás súas costas.

O colexiado do encontro será o asturiano Jaime Ruiz Álvarez.