A pontevedresa Daniela Suárez, convidada a un campus nacional de natación artística

Pontevedra
10 de novembro 2020

A deportista do Club Galaico Sincro foi incluída nunha lista da Real Federación Española de Natación entre nadadoras destacadas de todo o estado

Daniela Suárez, deportista do Galaico Sincro Club Galaico Sincro

A nadadora Daniela Suárez Garrido, do Club Galaico Sincro, foi convidada a participar no Campus Ranking30 da Real Federación Española de Natación na modalidade de natación artística.

A concentración nacional, na que participarán nadadoras de categoría alevín que destacaron en diferentes puntos do país, celebrarase do 28 ao 30 de decembro na localidade madrileña de Buitrago de Lozoya.

O obxectivo deste campus é o seguimento por parte da Federación das nadadoras que integran as 30 mellores posicións na clasificación de Figuras da pasada tempada. Trátase de traballar e coñecer aos deportistas nos aspectos técnicos e psicolóxicos para ter un punto de partida para seguir a súa evolución. 

Non é a primeira vez que o club pontevedrés participa nestas xornadas, xa que en 2018 e 2019 dúas das súas nadadoras e tamén unha adestradora tomaron parte no campus nacional de categoría alevín.

De feito será a segunda ocasión na que acoda Daniela Suárez, que gañou o dereito para ser convidada pola Real Federación Española de Natación ao clasificar entre as 20 primeiras no Campionato de España celebrado o pasado mes de marzo.