A Preferente, ao 70%: Quince equipos confirman a súa inscrición na liga

Pontevedra
27 de decembro 2020

Quince equipos do Grupo Sur, onde xogan os clubs das provincias de Pontevedra e Ourense, formalizaron esta inscrición. Outros quince fixérono no Grupo Norte. Pola contra, equipos como Céltiga ou Vilalonga xa mostraron o seu rexeitamento a este reinicio da competición

Partido entre Pontevedra B e Polígono San Ciprián na Xunqueira
Partido entre Pontevedra B e Polígono San Ciprián na Xunqueira / Diego Torrado

A falta de seis días para finalizar o prazo de inscrición, os equipos de Preferente parecen decididos a xogar. Polo menos, a gran maioría. A Federación  Galega de Fútbol confirmou que a categoría xa está confirmada a un 70%.

Quince equipos do Grupo Sur, onde xogan os clubs das provincias de Pontevedra e Ourense, formalizaron esta inscrición. Outros quince fixérono no Grupo Norte.

Pola contra, equipos como Céltiga ou Vilalonga xa mostraron o seu rexeitamento a este reinicio da competición, previsto para a fin de semana do 24 de xaneiro.

A Federación destaca a "alta porcentaxe" de equipos rexistrados en todas as categorías base activadas, onde se rexistra case o 75% do total. En categorías como a División de Honra Cadete inscribíronse xa preto do 100% dos clubs.

Nestas categorías o protocolo establece a obrigación de adestrar e xogar con máscara, salvo na Liga Galega Xuvenil, na que son necesarios os test cada catorce días.

De momento só está activada a inscrición en Preferente, Primeira Galicia, Primeira División Galega Feminina, Liga Galega Xuvenil, División Honra Cadete, Liga Galega Cadete e Liga Galega Infantil.

As demais categorías forman parte dun proceso posterior para o que non hai previsto a día de hoxe ningún prazo de inscrición nin data de inicio.