A primeira carreira popular da Festa das Dores estréase con máis de 300 corredores

Ponte Caldelas
25 de agosto 2022

A cita, que dará comezo este venres a partir das 20 horas, conta con percorridos adaptados a todas as categorías

Presentación en Ponte Caldelas da primeira edición da carreira popular da Festa das Dores
Presentación en Ponte Caldelas da primeira edición da carreira popular da Festa das Dores / Concello de Ponte Caldelas

A primeira edición ca carreira popular da Festa das Dores contará coa participación de 308 persoas. Esta proba, que organiza o Concello de Ponte Caldelas e o Club Atletismo Rías Baixas coa colaboración da Federación Galega de Atletismo (FGA), está pensada tanto para atletas federados coma non federados e conta con percorridos adaptados a todas as categorías.

As inscricións online pecháronse o martes cun total de 308 persoas inscritas: 159, na categoría absoluta; 35, na sub 16 e sub 18; 20, na sub 14; 33, na sub 12; 21, na sub 10; 22, na sub 8; 10, en pitufos e 8, en chupetes.

As carreiras están previstas para este venres a partir das 20 horas da tarde coa Avenida de Marín como centro neurálxico. Por esta vía correrán primeiro os corredores das categorías sub 8, pitufos e phupetes.

A continuación, será a quenda dos participantes nas categorías benxamín ata cadetes, que completarán un circuito polas rúas Avenida de Vigo, Paseo Mamá Clotilde, e Avenida de Marín, ao que darán unha ou dúas voltas dependendo da categoría.

A carreira absoluta conta cun circuito de 1.373 metros ao que os inscritos darán tres voltas, para completar un percorrido de 4.150 metros.

A saída será na Avenida de Vigo, para continuar ata a ponte sobre o río Verdugo, facendo un troco de sentido xusto antes da ponte; para voltar pola mesma avenida ata desviarse a dereita polo Paseo Mamá Clotilde, e seguir cara a Avenida de Marín onde estará situada a meta.

A presentación da I Carreira Popular Festa das Dores, na que participou o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, membros do Club Atletismo Rías Baixas e as novas promesas do atletismo local, estivo apadriñada por Gustavo Dacal, atleta de Ponte Caldelas que foi dez veces campión de España en lanzamento de xavelina entre 1999 e 2009.