Tras a suspensión da competición a pasada campaña pola irrupción da pandemia, a Sociedad Gimnástica prepárase un ano despois para volver gozar do Campionato de España de Clubs de atletismo.
O club pontevedrés xa coñece as sedes e rivais que lle esperan na primeira xornada de liga, tanto na División de Honra Masculina como na Primeira División Feminina.
Do mesmo xeito que en 2020, aínda que entón non chegou a celebrarse, aos mozos tocoulles desprazarse a Pamplona, onde se enfrontarán ao anfitrión Grupompleo Pamplona Atletismo, a Real Sociedad e ao Club Atletismo Intec Zoiti aragonés.
Na súa 14ª tempada na elite, o equipo da Gimnástica loitará polo obxectivo de asegurar a permanencia, algo que tendo en conta o estadillo de participantes ten ao alcance partindo como o noveno dos 16 clubs en función das marcas dos seus atletas.
"Como siempre con los chicos aspiramos a mentenernos, y con las chicas vamos a intentar pelear por meternos en la final por el ascenso", confirma a presidenta do club, Charo Castro.
En canto ao bloque feminino, a súa primeira xornada de liga de Primeira División terá lugar en Xixón co AD Gijón, o Oviedo Atletismo e o Pielagos cántabro como rivais, partindo desde o oitavo teórico lugar establecido no estadillo de marcas.
Ambos os encontros están fixados no calendario para o próximo 24 de abril.