A reacción pasa por un feudo 'case' inexpugnable

Pontevedra
11 de febreiro 2017

O Pontevedra visita este domingo (17:00 horas) o campo de Merkatondoa, onde o Club Deportivo Izarra só perdeu un partido esta tempada e onde apenas encaixou goles. Kevin Presa e Añón volven á convocatoria e apuntan ao once

Adestramento do Pontevedra en Príncipe Felipe
Adestramento do Pontevedra en Príncipe Felipe / Mónica Patxot

Despois de catro xornadas sen coñecer a vitoria, é tempo para a reacción no Pontevedra, que afronta este domingo (17:00 horas) o primeiro de dous partidos consecutivos fóra da casa.

Non será un compromiso sinxelo para os granates, que visitan un campo cai inexpugnable ata a data, o estadio de Merkatondoa no que Club Deportivo Izarra está a mostrarse moi competitivo. 

A pesar da súa situación en metade de táboa, os navarros renden a un alto nivel en casa, onde só perderon un partido ata a data sen apenas encaixar goles (6). De feito o único encontro no que saíron derrotados, ante o Caudal, resultou decisiva a expulsión dun xogador local a media hora da conclusión.

En Merkantodoa saíu derrotada esta tempada a Ponferradina e non pasaron do empate sen goles equipos como a Cultural Leonesa ou Celta B.

Precisamente gol é o que espera recuperar o Pontevedra tras un mes sen ver porta na competición ligueira. Para iso Luisito recupera un dos estiletes ofensivos do equipo, David Añón, superada unha leve pneumonía e que apunta ao once do mesmo xeito que Kevin Presa, que regresa ao equipo tras a súa sanción. O que non estará nos granates é o central Portela, castigado cun partido por acumulación de amoestacións, polo que a súa substitución na aliñación será outra das novidades que presente o equipo en Navarra.

Tamén o Izarra contará cunha baixa importante por sanción, a do centrocampista Cabrera, segundo máximo anotador do equipo.

O colexiado do encontro será o cántabro José Antonio López Toca.