A Real Federación Galega de Fútbol anuncia un desconto na cota dos seguros deportivos

Pontevedra
19 de agosto 2020

A medida, que supoñerá unha rebaixa do 10,5% á hora de dar de alta o seguro deportivo de cada futbolista, será efectiva para todas as categorías do fútbol galego

Rafael Louzán, presidente da Real Federación Galega de Fútbol
Rafael Louzán, presidente da Real Federación Galega de Fútbol / Real Federación Galega de Fútbol

Os clubs galegos gastarán un 10,5% menos á hora de dar de alta o seguro deportivo de cada un dos seus futbolistas.

Así o anunciou este mércores a Real Federación Galega de Fútbol, como unha das súas primeiras medidas para axudar aos clubs nunha tempada na que preocupa a redución de ingresos debido á pandemia de coronavirus.

A mutualidade supón o principal gasto da maioría dos equipos, asegura a Federación.

Agora, en base ao acordo aprobado pola Mutualidad Española, aplicarase o citado 10,5% de desconto lineal nas cotas para pagar en todas as categorías do fútbol autonómico.

Este desconto, asegura a Federación Galega, supón unha bonificación total de preto de medio millón de euros.

O organismo que rexe o fútbol galego asegura que esta medida non supoñerá unha diminución na cobertura asistencial pese ao encarecemento que terá que soportar a Mutualidad como consecuencia dos protocolos Covid que deben seguirse.