A ría de Pontevedra, e Sanxenxo en particular, converteuse este sábado no centro de atención da vela nacional e internacional coa Regata Rey Juan Carlos I.
Na súa segunda xornada, a regata reuniu na ría a todo tipo de embarcacións, desde as máis pequenas, os optimist, ata os impresionantes barcos da volta ao mundo, o Mapfre español e o Dongfeng chinés, pasando polos cruceiros ORC, a vela adaptada ou os barcos clásicos como nos que compite o rei emérito.
Espectacular foi ver a dous dos barcos que participarán na Volvo Ocean Race medirse cara a cara en formato 'match race' dentro da súa preparación para unha volta ao mundo que comezará en pouco máis dun mes en Alacante.
Ambos centraron toda a atención disputando ata tres probas. A primeira e a última foron para o equipo español, mentres o equipo chinés fíxose coa vitoria da segunda proba.
Outro foco de atención foi a presenza de Juan Carlos I na regata á que dá nome, dentro da Clase 6M que disputou dúas mangas nun campo de regatas situado entre o Real Club Náutico de Sanxenxo e a praia de Silgar. O monarca remontou ata a terceira posición cun segundo e un primeiro posto parciais.