O Concello de Poio atópase en proceso de completar a tramitación necesaria para poder acometer o proxecto da remodelación integral das pistas de tenis de Monte Baldío, na parroquia de Raxó.
Segundo apuntou este venres Marga Caldas, concelleira de Deportes, a Administración local xa remitiu as solicitudes de autorización para as obras ás Consellerías de Educación e de Medio Ambiente, dependentes da Xunta de Galicia.
Afirmou que "unha vez que teñamos o visto bo de ambas entidades xa poderemos proceder á licitación e contratación dos traballos, que tamén serán explicados con detalle á veciñanza".
A edil asegurou que esta actuación servirá para poñer "aínda máis en valor" o emprazamento situado nas proximidades do CEIP Espedregada. O proxecto corresponde a unha primeira fase que se centrará na mellora das pistas e na dotación dunha cuberta, mediante un panel illante. Tamén se instalarán novos elementos e se dotará á infraestrutura de luminaria de última xeración. A ampliación permitirá que se poidan acoller partidos de individuais e dobres.