A reparación da cuberta da Malata, a tempo para o derbi entre Racing de Ferrol e Pontevedra

Pontevedra
14 de febreiro 2017
Actualizado: 9:18

O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, asegura que está "garantido" que se xogue o choque previsto para o vindeiro domingo, despois da suspensión do último encontro na Malata polos danos que o temporal ocasionou na cuberta do estadio

Estadio da Malata afectado polo último temporal
Estadio da Malata afectado polo último temporal

O partido que enfrontará o vindeiro domingo (17:00 horas) ao Racing Club Ferrol co Pontevedra Club de Fútbol xogarase a pesar dos danos ocasionados polo último temporal na cuberta do estadio da Malata, e que obrigaron a suspender o choque de liga previsto esa fin de semana ante o Palencia.

Así o afirmou este luns o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, asegurando que está "garantido" que se poida xogar o derbi autonómico, segundo explica o diario dixital Ferrol 360, xa que o arquitecto municipal estuda a reparación de urxencia das chapas caídas polo forte vento.

Os defectos estruturais ocasionados no campo, de titularidade municipal, obrigarán a unha maior intervención con financiamento adicional, pero polo menos o consistorio ferrolán acometerá os traballos urxentes que permitirán reabrir a instalación a tempo para a visita dos granates.

REGRESO OS ADESTRAMENTOS

O Pontevedra regresou este luns aos adestramentos cunha sesión no campo de Príncipe Felipe na que empezaron a preparar o desprazamento a Ferrol, no que esperan deixar atrás a mala serie de resultados que acumulan nas últimas semanas, con cinco xornadas sen gañar e sen marcar un só tanto.

Para o derbi autonómico Luisito recupera a Portela tras un partido de sanción, polo que salvo contratempo contará con 19 futbolistas do primeiro planteñ dispoñibles, sendo as únicas baixas as dos lesionados Iker Alegre e Mario Barco.

Si contará con baixas o Racing, que perde para a cita por sanción ao seu capitán, Pablo Rey, aínda que Tena recupera para a causa a Catalá e Diego Maceira, sancionado esta pasada xornada, mentres Sergio de Paz é dúbida.

VIAXE DE AFECCIONADOS A FERROL

A Agrupación Norte 1941 e o Pontevedra Club de Fútbol anunciaron a organización dunha viaxe en autocar para os afeccionados que desexen acudir ao partido ante o Racing de Ferrol.

O autobús partirá ás 14:30 horas do Peballón Municipal dos Deportes e regresará tras o encontro, cun prezo de 15 euros (entrada incluída) e de 6 euros para os menores de 12 anos.

Os interesados poden formalizar a súa inscrición nas oficinas do club granate no Estadio Municipal de Pasarón.