A retirada do BM Aragón, unha "mala noticia" para o Teucro aínda que lle achegue á permanencia

Pontevedra
12 de abril 2016

O club azul colocaríase a un punto da zona de permanencia tras a retirada anunciada polo Balonmano Aragón, xa que se anularían todos os seus resultados. A pesar desa circunstancia, no club pontevedrés cren que a situación "perjudica muchísimo al balonmano" e é algo "nada deseable para nadie". O Teucro carga duramente contra Asobal 

Quique Domínguez, Carlos García-Alén e José Ameijeiras
Quique Domínguez, Carlos García-Alén e José Ameijeiras / PontevedraViva

O anuncio do Balonmano Aragón de abandonar a Liga Asobal ante a imposibilidade de concluír a tempada a nivel económico afecta directamente á situación da Sociedad Deportiva Teucro.

A falta de que o Comité de Competición ratifique o que figura no regulamento, anularanse todos os encontros xogados polo conxunto zaragozano. Tendo en conta que o Teucro perdeu o seu encontro ante eles e outros rivais conseguiran gañar, os azuis verían reducida a un só punto a súa desvantaxe coa zona de salvación.

O Teucro, con 12 puntos, terían ao alcance da man ao Ángel Ximénez e Ciudad Encantada con 13 puntos, mentres o Go Fit Sinfín pasaría a ter 14.

A pesar de que deportivamente sairía beneficiado, desde o club pontevedrés cualifican a retirada do Aragón como unha situación que "perjudica muchísimo al balonmano en general" e que é "nada deseable para nadie", segundo recoñeceu o presidente teucrista, Carlos García-Alén.

Da mesma opinión é o técnico azul, Quique Domínguez, ao entender que "más allá de que nos acerque un poco a los equipos que nos anteceden y pueda parecer que nos beneficia a mí no me gusta nada".

Para o adestrador pontevedrés, que se acordou de xogadores, adestradores e afeccionados en xeral do club aragonés, supón unha "muy mala noticia que demuestra la dificultad de mantener a flote proyectos humildes en el balonmano actual".

Contundente mostrouse tamén o presidente teucrista, Carlos García-Alén, con Asobal ao entender que "la asociación podía hacer mucho más por los clubes".

García-Alén sinala como un dos detonantes da retirada unha multa de 6.750 euros ao BM Aragón por non instalar a pista requirida para as retransmisións televisivas, unha sanción "inxusta" á que tamén se enfronta o Teucro.

ENCONTRO ANTE O ADEMAR DE LEÓN

No medio deste panorama e coa renovación de Quique Domínguez tamén recente, o Teucro non esquece que este mércores (20:45 horas) debe afrontar unha nova xornada ligueira visitando a cancha do Ademar de León. 

Os azuis, con Iván Fernández recuperado, contan con todo o plantel dispoñible para enfrontarse a un equipo "fuerte y dolido por la derrota de la primera vuelta", sinalou Quique Domínguez. Os leoneses afrontan a cita coa baixa de Vieyra.