A Regata Interclubes Ría de Pontevedra convértese no circuíto de cruceiros por etapas máis multitudinario a nivel nacional durante a tempada de inverno coa celebración da súa novena edición. Este sábado 28 de xaneiro disputarase o primeiro encontro de 2023 cunha frota lista para pelexar de novo polo título.
O pistoletazo de saída desta clásica competición terá lugar en Combarro e a primeira regata estará organizada polo Ro Yachts Club desta localidade. As do Real Club de Mar de Aguete, o Real Club Náutico de Sanxenxo, o Club Náutico de Beluso, o Club Náutico de Portonovo e a Escola Naval de Marín tamén repetirán como sedes dunha das seis etapas programadas.
Todo apunta a que o nivel de participación achegarase este ano ao seu récord, e é que a día de hoxe son xa medio centenar as unidades rexistradas entre as catro divisións de ORC, A Dos e Clásicos e Veteranos.
Os seis defensores do título nas súas respectivas categorías xa confirmaron que estarán de novo na liña de saída: Orión de Javier Pérez (MRCYB) en Clase 1 Froiz; Balea Dous de Luís María Pérez (RCN Rodeira) en Clase 2 ABANCA; Albarellos de Fernando Rey (CN Portonovo) en Clase 3 North Sails; Cinco Islas Albariño de Iñaki Carbajo (CN Beluso) en Clase 4 Murimar Seguros; Secolite de Javier Rey (Ro Yachts Club) en A Dous Opticalia Campelo; e Peregrina de Carlos Núñez (CN Portonovo) en Clásicos e Veteranos Jesús Betanzos.
Non faltarán tampouco moitos dos habituais na pelexa polos primeiros postos da táboa, como son o Ozosana de Juan Carlos Pérez Olmedo (Ro Yachts Club), o Vagalume de Luís Vidal (RCN Sanxenxo), o Espita (CN Beluso), o Quen Vai de Laureano Santiago (RCM Aguete), o Maral IV de Roberto de la Puente (CN Portonovo) ou os clásicos Iasi de José Antonio Ortigueira (CN Porotonovo) e Mou de Anxo Mourelos.
A división de Clásicos e Veteranos é precisamente una das que se viu máis reforzada nesta novena edición, contando con ata dez barcos rexistrados e varios debutantes como o Adaxe Catro de Alejandro Diéguez (CY Vilagarcía), Laxe da Canteira de Fabián Garrido (Ro Yachts Club), o Surfeira de David Pérez (CN Portonovo) e o Sara O de Xosé Avelino Ochoa (CNS Vicente do Mar).
O bocinazo de saída para a primeira cita está programado para as 14:30 horas deste próximo sábado nas inmediacións do Ro Yachts Club, en Combarro. O Comité de Regatas prevé unha tarde de sol e vento do nordeste de entre 12 e 15 nós de intensidade, unhas condicións perfectas que permitirán unha estrea de luxo da novena edición da Regata Interclubes Ría de Pontevedra.