A San Silvestre quenta motores coa esperanza de bater o récord de 7.000 corredores do 2019

Pontevedra
28 de decembro 2022
Actualizado: 15:00

O prazo para anotarse manterase aberto ata o sábado pola mañá no Mercado de Abastos de Pontevedra. A inscrición é gratuíta e os interesados en participar só deben entregar a cambio un quilo de alimentos non perecedoiros

Presentación da 39 edición da carreira de San Silvestre de Pontevedra
Presentación da 39 edición da carreira de San Silvestre de Pontevedra / PontevedraViva

"Aínda que chova ou vente, a xente participa igual". Unha frase do concelleiro de Deportes, Tino Fernández, que resume o compromiso que ano tras ano a cidadanía pontevedresa mantén coa tradicional carreira de fin de ano. O día 31 de decembro, ás 17 horas, darase a saída a unha das edicións máis especiais da San Silvestre que organiza cada ano a Sociedad Gimnástica, un regreso á normalidade despois de dous anos marcados pola pandemia. 

"A xente quere vir, hai moitas ganas, pero si que é certo que con estes días de choiva a algúns lles custa máis vir anotarse, pero a previsión para o sábado mellorou", recoñeceu o atleta e director técnico da proba, Víctor Riobó, durante a presentación da trixésimo novena edición da San Silvestre de Pontevedra.

Como é habitual, a saída está prevista para as 17 horas desde o paseo de Montero Ríos. Os corredores deberán completar un circuíto que rolda os 4 quilómetros por todo o centro histórico da cidade e con premios para os tres primeiros clasificados de cada categoría.

Pero a posición final é o menos importante desta xornada. "Queremos que os amigos e as familias gocen", recalca Riobó facendo fincapé no bonito que é correr por un circuíto cheo de xente animando. "O obxectivo é volver xuntar a cabeza coa cola", engadiu o atleta. Un fito que supoñería superar os 7.000 corredores que participaron na edición do 2019, a máis numerosa ata a data.

A presidenta da Sociedad Gimnástica, Charo Castro, aproveitou a presentación para animar a toda a cidadanía a participar, pero lembrou a importancia de facelo cun dorsal, que se seguirán entregando de forma gratuíta ata o sábado pola mañá no Mercado de Abastos.

"É importante correr con dorsal para levar un control e que se a alguén lle pasa algo o seguro da carreira se faga cargo", puntualizou Riobó. 

O Concello de Pontevedra fixo público este mércores o plan de tráfico deseñado especificamente para o día da proba. Entre as 16 e as 19 horas do próximo sábado, quedará prohibido acceder e sair con vehículo á zona afectada pola proba, que é a maior parte da zona vella da cidade.

Recomendan que durante esas horas a circulación canalícese pola Avenida de Uruguai, Eduardo Pondal ou María Vitoria Moreno.