A segunda experiencia solidaria da Escola Xadrez Pontevedra en Xordania chega ao seu fin

Pontevedra
18 de abril 2017

"Saber que eles talvez sigan aí por moito tempo (oxalá que non), nos entristece á vez que nos motiva a seguir mantendo este proxecto con máis forza que nunca", sinalan desde o club pontevedrés tras o seu labor no campamento de refuxiados sirios en Azraq

Proxecto solidario da Escola Xadrez Pontevedra en Xordania
Proxecto solidario da Escola Xadrez Pontevedra en Xordania / Escola Xadrez Pontevedra

"Saber que eles talvez sigan aí por moito tempo (oxalá que non), nos entristece á vez que nos motiva a seguir mantendo este proxecto con máis forza que nunca". Con estas verbas explica a expedición da Escola Xadrez Pontevedra a súa segunda experiencia solidaria en Xordania.

O club pontevedrés puxo este domingo fin á súa estancia no campamento de refuxiados sirios de Azraq, onde colaboraron no mantemento dunha escola de xadrez.

Durante 11 días a expedición da Escola Xadrez Pontevedra colaborou en diferentes talleres, nos que por exemplo os nenos e nenas do campamento puideron pintar taboleiros e elaborar fichas para levar o seu primeiro xogo de xadrez e poder practicar en calquera momento. Tamén aprenderon como unha persoa con deficiencia visual pode xogar con taboleiros adaptados.

Ademais, dentro do proxecto puxeron en marcha a través da plataforma Playchess, unha aula virtual desde a que os alumnos poden xogar ao xadrez contra calquera afeccionado do mundo, e ofreceron formación a monitores para que poidan continuar coa escola.

Nesta segunda viaxe a Xordania, a Escola Xadrez Pontevedra tivo a oportunidade de traballar con UNICEF, ao que se entregou o material de xadrez doado polos pontevedreses coa idea de que poidan poñer en marcha un servizo de préstamos. Tamén se lles fixo chegar o material escolar resultado da campaña "Un lapis, unha goma, unha cor, igual a un sorriso" que se realizou nos colexios de Pontevedra.

Toda unha experiencia para a delegación pontevedresa, disposta a continuar co proxecto o tempo que sexa necesario, aínda que confiando en que pronto poida chegarse a unha solución para todos os refuxiados.