Á segunda vai a vencida e Santo Tomé conta as horas para a VIII Carreira Pinga Pinga

Marín
23 de novembro 2017

A carreira popular disputarase o vindeiro domingo 26 de novembro no seu formato habitual, con saída e chegada no campo de fútbol da parroquia marinense. A proba absoluta está fixada para as 10:30 horas

Presentación da VIII Pinga Pinga
Presentación da VIII Pinga Pinga / Concello de Marín

Santo Tomé de Piñeiro conta xa as horas para acoller a oitava edición da carreira popular Pinga Pinga, organizada polo Club Deportivo Pinarium.

Despois da súa polémica suspensión, a proba deportiva recupera a normalidade e espera congregar a un bo número de deportistas durante toda a mañá do próximo domingo 26 de novembro.

A carreira contará co seu formato habitual, con saída e chegada no campo de fútbol da parroquia marinense e un percorrido de case 7,3 quilómetros para a categoría absoluta, que se disputará ás 10:30 horas.

Antes, ás 10:15 horas, darase a saída a unha camiñada popular de 4 quilómetros, e despois ata pasadas as 12:00 horas competirán as diferentes categorías inferiores.

Nesta ocasión a organización homenaxeará ao piragüista pontevedrés Óscar Graña, 12 veces medallista en campionatos do Mundo.

O Pinarium, en colaboración co Concello de Marín, a Comunidade de Montes de Santomé e a SD Santomé, dotarán a zona da meta cunha carpa gastronómica e con xogos inchables para os máis pequenos.