A Selección Española de fútbol sala faise notar en Pontevedra

Pontevedra
01 de abril 2018

O equipo nacional absoluto iniciou este domingo en Pontevedra a súa concentración de catro días en Galicia, cun adestramento de portas abertas no Pavillón Municipal dos Deportes, onde este luns (19:30 horas) enfrontarase á selección de Finlandia

Adestramento da Selección Española de Fútbol Sala en Pontevedra Diego Torrado

Pontevedra respira fútbol sala coa presenza na cidade da Selección Española Absoluta, que este domingo iniciou na Boa Vila a súa concentración de catro días en Galicia.

O combinado nacional adestrado por José Venancio protagonizou un adestramento de portas abertas no Pavillón Municipal dos Deportes, onde este luns 2 de abril (19:30 horas) medirase á selección de Finlandia nun encontro de carácter amigable.

Antes, ás 11:00 horas repetirá adestramento aberto ao público.

Tras a sesión preparatoria, os xogadores da selección atenderon aos afeccionados e mozos presentes, que puideron gozar vendo de preto aos seus ídolos.

Ademais o Leis Pontevedra preparou unha serie de actividades, paralelas ao adestramento e ao partido e enfocadas cara aos máis pequenos, tales como un taller de pintura, outro globoflexia e de papiroflexia.

No plano deportivo, a convocatoria elaborada polo seleccionador nacional inclúe cambios de última hora, xa que se caeron da lista o porteiro Carlos Barrón (Palma Futsal) e o pívot Álex Yepes (El Pozo Murcia) por lesión, entrando no seu lugar Fabio Alvira (El Pozo Murcia) e Rafa Usín (Osasuna Magna).