A Sociedad Gimnástica inicia este sábado o seu concurso en División de Honra e Primeira División

Pontevedra
12 de abril 2023

O equipo masculino desprázase a Soria, mentres que o feminino debuta en Vigo. A permanencia en ambas as categorías é o obxectivo para esta tempada

Plantel da Gimnástica para os campionatos de España de División de Honra e Primeira División do 2023
Plantel da Gimnástica para os campionatos de España de División de Honra e Primeira División do 2023 /

A Sociedad Gimnástica de Atletismo inicia esta fin de semana a súa andaina no campionato de España de clubs de División de Honra e Primeira División co obxectivo, tanto no masculino como no feminino, da permanencia.

Ambos os equipos comezan a competición como visitantes. Mentres que o cadro masculino debe viaxar a Soria, o feminino terá un desprazamento moito máis cómodo á veciña cidade de Vigo. Ambas as competicións disputaranse o sábado 15 pola tarde. 

Na capital numantina, os lerezanos mediranse contra o Atletismo Numantino, a Real Sociedade e o CAPEX. Os elixidos para o debut son, na velocidade curta, Oriol Madi e Javier Jiménez; nos 200ml, Sergio Rodríguez e Jordi Fossas; a volta á pista, Eduardo Gallardo e David Abalde; nos 800 ml, David de la Fuente e Hassan Izzeddine; e nos 1500 ml, Pablo Bocelo e Adrián Lago. As carreiras lisas péchanas Pablo Otero e Carlos Porto nos 3000ml.

Nos valos curtos, a parella elixida é Joao Ribeiro e Xisco López; mentres que nas longas competirán Darío Ortega e Roberto Tello. Aos 3000 obstáculos enfrontaranse Manuel Lorenzo e Pedro García, que ademais debutará co equipo.

Nos concursos de saltos competirán Miguel Madruga e Alfonso García en altura; David Ferrer e Juan Piñeiro, en lonxitude; no triplo, Alfonso Palomanes e Anxo Blanco; e na pértega, Tomás López e Xisco López.

O lanzamento de peso e o de disco terán como protagonistas a Víctor Gallego e a Anxo Simón. Na xavelina competirán Raúl Pagán e Jonathan Correa e o martelo lanzarano Juan Barbosa e Carlos Revuelta.

Daniel Chamosa e David Reyes, que debuta nunha proba colectiva coa Sociedad Gimnástica de Pontevedra, competirán na 5000 marcha.

Nas probas de remudas participarán Juan Piñeiro, Oriol Madí, Jordi Fossas e Sergio Rodríguez no 4×100, mentres que no 4×400 os elixidos son David Abalde, Eduardo Gallardo, Roberto Tello e Darío Ortega.

Pola súa banda, a convocatoria do equipo feminino está integrada por Cristina Garrido e Claudia Torres serán a parella para competir nos 100ml; Eva Salvado e Paula Porto, nos 200ml; Eugenia Gil e Inés Vázquez, nos 400ml.

O mediofondo será para Carmen Vitoria González e Ainara Rodríguez, nos 800ml; e para María Campo e Branca Fernández, nos 1500ml. Sabela Castelo e Sabela Martínez competirán man a man nos 3000ml, ambas son medallistas nacionais nas súas categorías e as dúas debutan no equipo absoluto.

Para os valos, Lucía Ferrer e Nerea Amigo encargaranse das curtas; e Lia Caride e Carlota Pampín, que participa por primeira vez co equipo absoluto, das longas. Nos 3000 obstáculos competirán Isabel Caeiro e Mariña Porteiro.

Aloia Vilas e Andrea Villaverde competirán por partida dobre no salto de lonxitude e na altura. Para o resto de concursos de saltos, as elixidas son Eva Salvado e Artemia Pérez en triplo; e Paula Martín e Lucía Ferreiro en pértega.

Nos lanzamentos, María Ezquerro competirá en peso e en disco; proba na que estará acompañada por Claudia Puig, que tamén lanzará a xavelina. Andrea González tamén lanzará ese artefacto, ademais do peso. Por último, Iria Filgueira e Eva Santos encargaranse do martelo.  

Nos 5000m marcha competirán Antía Chamosa e Alba Pérez, filial do Atletismo Negreira.

Para as remudas, no 4×100 competirán Lucía Ferrer, Cristina Garrido, Claudia Torres e Mariña Artemia Pérez ou Paula Martín. Na remuda longa, as elixidas son Ainara Rodríguez, Carmen Vitoria González, Eugenia Gil, María Campo e Inés Vázquez.