A Subida A Escusa fixa a data da súa 22 edición repetindo no calendario nacional

Poio
07 de marzo 2022

Por segundo ano a popular proba automobilística formará parte da Copa de España Norte. Celebrarase os días 10 e 11 de setembro

XXI edición da Subida a Escusa
XXI edición da Subida a Escusa /

O primeiro borrador do calendario publicado pola Real Federación Española de Automovilismo espertaba dúbidas sobre unha das citas máis especiais para os afeccionados ao motor da comarca, a Subida A Escusa, ao non aparecer reflectida na listaxe de carreiras. Con todo iso cambiou nunha actualización do citado calendario, e por segundo ano consecutivo a popular proba de Poio terá categoría nacional.

Así o confirmou tanto a propia Federación como a Escudería Buxa Motor Poio, organizadora dunha subida que xa ten ademais data para a súa edición 22 este mesmo ano.

Desta forma a Subida A Escusa celebrarase os días 10 e 11 de setembro.

Tras abandonar o calendario autonómico e ser puntuable en 2021 para a Copa de España de Escuderías, A Escusa será esta tempada unha das tres probas puntuables da Copa de España Norte de Montaña.

Nesta Copa Norte a carreira pontevedresa, cuxo obxectivo é chegar a ser parte do Campionato de España nos próximos anos, compartirá cartel cunha cita puntuable para o campionato europeo como a 50 edición da asturiana Subida Internacional al Fito (14-15 de maio), e tamén coa Subida a Chantada (23-24 de xullo).