A Subida Cerdedo-Cotobade sobe de nivel na súa segunda edición

Cerdedo Cotobade
20 de xuño 2018

A proba automobilística, que se celebrará durante o sábado 23 e o domingo 24 de xuño, estrea o coeficiente 8 e espera congregar durante a fin de semana a un gran número de afeccionados ao motor

Presentación da II Subida Cerdedo-Cotobade
Presentación da II Subida Cerdedo-Cotobade / Concello de Cerdedo-Cotobade

O Campionato Galego de Montaña chega por segundo ano a Carballedo e faio esperando a presenza de milleiros de afeccionados ao motor.

A II Subida de Cerdedo-Cotobade disputarase durante o sábado 23 e o domingo 24 de xuño e farao subindo de nivel para estrear coeficiente 8.

"Fomos a terceira mellor proba do calendario no noso primeiro ano e iso permitiunos subir de categoría, un aspecto que nos satisfai e que fala do traballo ben feito e do gran apoio do Concello", sinalaron na presentación do evento desde a escudería Leicar Sport.

O percorrido, que contará co parque pechado de encontro na Chan, será de 3.760 metros que discorrerán pola estrada PO-0401 entre Carballedo e Corredoira, nun trazado sinuoso e de gran vistosidade.

A proba automobilística contará con catro mangas oficiais que se distribuirán entre a tarde do sábado 23, despois dos adestramentos previstos para as 16.00 horas, e a mañá do domingo 24 tras os adestramentos das 9.30 horas.

O presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, aproveitou ademais a ocasión para anunciar a súa intención de seguir apoiando o evento para que se poidan organizar "moitas máis edicións ata consolidar plenamente a Subida no calendario galego".