A tempada de ciclocrós abre en Marín

Marín
05 de outubro 2017

O circuíto de Chan de Xaxán será escenario o vindeiro domingo 8 de outubro a XV edición do Trofeo Ría de Marín de Ciclocrós, primeira proba puntuable da Copa Galicia da especialidade

Participantes na proba da Copa Galicia de ciclocross en Marín
Participantes na proba da Copa Galicia de ciclocross en Marín /

Marín dará o pistoletazo de saída este domingo 8 de outubro a tres meses de competición para os especialistas do ciclocrós galego.

O circuíto de Chan de Xaxán será escenario da XV edición do Trofeo Ría de Marín, primeira proba puntuable da Copa Galicia da especialidade.

A competición, puntuable para o ránking da Real Federación Española de Ciclismo, arrincará ás 9:45 horas coa carreira de promoción, aperitivo das probas puntuables para a Copa Galicia.

Ás 10:00 horas será quenda das categorías cadete e master, ás 11:00 das junior, sub-23, elite e master femininas e ás 12:00 horas das categorías junior, elite e sub-23 masculinas.

A Copa Galicia de Ciclocrós amplía este ano o seu calendario con tres novas carreiras ata un total de 14, entre as que se atopan tamén as previstas en Poio no mes de novembro e en Pontevedra no de decembro.

A tempada autonómica desta especialidade ciclista pecharase o 31 de decembro coa celebración do Campionato de Galicia.