O Real Club de Mar de Aguete organiza este sábado a vixésimo cuarta edición da tradicional Regata de Nadal de Cruceiros. A nivel de participación, volverá ser unha das citas con mellor acollida da tempada.
A regata contará novamente con catro xornadas, xa que ademais deste sábado día 12, disputaranse outras tres probas os próximos sábados 19, 26 de novembro e 10 de decembro. Se o tempo permite a celebración das catro probas, cada barco poderá refugar a súa peor marca.
O horario de saída cambia con respecto ao de anteriores edicións atrasándose unha hora, xa que das 13:35 pásase a saír este ano ás 14:35 horas.
As clases participantes serán ORC e Clásicos/Veteranos, contándose cun moi bo número de participantes e onde estarán os mellores da categoría, entre eles cruceiros como o “Ozosana”, “YouKounKoun IIII”, “Orión”, “Maracaná” ou “Cassandra”. A organización confía en superar os trinta veleiros e que o vento sexa máis favorable que na pasada edición.
A regata deste sábado poderá seguirse de forma en liña a través do programa de seguimento estela/desmarque.