A TVG súmase á nómina de operadores que emitirán este ano a Primeira Federación

Pontevedra
26 de agosto 2022

Un acordo entre a RFEF e a FORTA permite a emisión de cinco partidos en aberto a través das televisións autonómicas de Galicia, Cataluña e Baleares. A TVG emitirá cada xornada dous partidos dos equipos galegos que compiten nesta categoría

Estadio de Pasarón
Estadio de Pasarón / Mónica Patxot

Crecen as opcións para ver os partidos do Pontevedra por televisión. Se o pasado mércores a RFEF facía público o acordo coa plataforma InStat TV para a retransmisión de todos os partidos da Primeira Federación, este venres publican un novo comunicado para informar que a FORTA (Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicos) emitirá tamén cinco partidos de cada xornada en aberto e de forma gratuíta en tres territorios: Galicia (CRTVG), Cataluña (CCMM) e Baleares (IB3).

No caso da Televisión de Galicia, cada xornada emitirá dous partidos de Primeira Federación. Serán partidos que os equipos galegos xoguen en casa, salvo que haxa xornadas nas que tes dos catro que participan nesta competición xoguen como visitantes. Nese caso, a TVG emitirá o partido que se xogue en Galicia e un dos tres que se xoguen fose. 

O acordo coa RFEF implica que as emisións da Galega serán en aberto en TDT e a través da web, pero con xeolocalización para España.

A TVG emitirá tamén en aberto todos os partidos de playoff e playout se os protagonistas son equipos galegos. 

Estaba previsto que as emisións comezasen co partido Deportivo-DUX deste sábado, pero o anuncio de incomparecencia do equipo madrileño fai que o primeiro partido desta tempada emitido pola TVG vaia a ser o Pontevedra-Alcorcón, fixado para o domingo 27 ás 19.30 horas. Na segunda xornada, retransmitirá o Deportivo-Linense e o Racing de Ferrol-Real Madrid Castela.