A Unión Deportiva Logroñés mide a ambición do Pontevedra

Pontevedra
30 de outubro 2015

Os granates buscan este sábado (20:30 horas) en Pasarón o seu quinto triunfo consecutivo ante un rival chamado a pelexar polo ascenso. A vitoria situaría aos de Luisito en postos de play-off de ascenso. Campillo, única baixa nos locais

Adestramento do Pontevedra en Pasarón
Adestramento do Pontevedra en Pasarón / Mónica Patxot

Partido de altura o deste sábado (20:30 horas, TVG2) no Estadio Municipal de Pasarón entre Pontevedra Club de Fútbol e Unión Deportiva Logroñés.

Os granates miden o seu bo estado de forma ante un dos candidatos ao ascenso, un equipo rioxano que xa disputou o pasado ano o play-off e que da man de Carlos Pouso aspira a entrar por primeira vez na súa historia (naceu en 2009 a partir da estrutura do Club Deportivo Varea) no fútbol profesional.

Tras catro triunfos consecutivos, unha nova vitoria situaría ao Pontevedra nos postos de play-off, aínda que o principal obxectivo segue a ser asegurar canto antes a permanencia.

Así o mantén un Luisito que ante as declaracións do adestrador rival situando aos granates entre os candidatos aos primeiros postos reaccionou asegurando que "se xogamos o play off invítoo a cear onde queira e cando queira".

O preparador de Teo, que centra a súa atención en deter o poderoso contragolpe dos rioxanos, verase obrigado a cambiar o once inicial cinco partidos despois ante a baixa por sanción de Campillo, única asuencia dos locais.

Pola súa banda a Unión Deportiva Logroñés chega a Pasarón desde a súa terceira posición da táboa e con tres baixas por lesión, as dos defensores Edu Payá e Alejandro Santelices e o dianteiro Birane Ba.

O colexiado do encontro será o asturiano Carbajales Gómez.