A Verdura, primeira parada das celebracións do Pontevedra polo seu 80 aniversario

Pontevedra
15 de outubro 2021

O club chama a "tinguir de granate a Praza da Verdura" desde as 12.00 horas do sábado como previa á xornada de liga que lle medirá a partir das 19.00 horas á UD Llanera

Bancada de Pasarón no partido de liga entre o Pontevedra o Arenteiro
Bancada de Pasarón no partido de liga entre o Pontevedra o Arenteiro / Mónica Patxot

As celebracións polo 80 aniversario do Pontevedra Club de Fútbol, este sábado 16 de outubro, comezarán nun lugar emblemático para a afección como é a Praza da Verdura.

O club convocou aos seus seguidores para sumarse á festa previa que dará comezo ás 12.00 horas e que concluirá a tempo para cruzar o río e ir ao Estadio Municipal de Pasarón para ver o encontro de liga que medirá ao equipo pontevedrés coa UD Llanera a partir das 19.00 horas.

"Volvamos tinguir de granate a Praza da Verdura", pediu o Pontevedra, aínda que "sen perder de vista a normativa vixente".

Durante esta celebración previa á xornada de liga o club convidará a un primeiro barril de cervexa nos locais O Baúl, Os Carballos e Pintxo Viño.

Ademais poderanse comprar entradas para o choque ante a UD Llanera e participar nunha rifa para un agasallo doado por Froiz.

CHARLA DIXITAL CON EX XOGADORES DE VARIAS ÉPOCAS

Os actos polo 80 aniversario granate arrincan xa este venres cunha charla dixital na canle de Youtube do club moderada polo xornalista Xabier Fortes e no que participarán figuras históricas da entidade como o ex xogador e adestrador Milucho ou os tamén ex futbolistas Fede Bahón, Tonino e Pablo Couto, este último xogador que máis veces defendeu ao Pontevedra en competición oficial e tamén máximo goleador histórico.