A VII Milla Solidaria Anedia, limitada a 160 participantes e retransmitida vía streaming

Pontevedra
12 de novembro 2020

A proba deportiva enmárcase dentro das actividades programadas con motivo do 14 de novembro, Día Mundial da Diabetes. Terá lugar este sábado a partir das 11:00 horas

Presentación da VII Milla Solidaria Anedia
Presentación da VII Milla Solidaria Anedia / Mónica Patxot

As instalacións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra acollerán este próximo sábado a VII Milla Solidaria Anedia, organizada con motivo do Dia Mundial da Diabetes.

A proba deportiva, que foi presentada oficialmente este xoves no Teatro Principal, desenvolverase con rigorosos protocolos de seguridade que, entre outras cousas, restrinxirán a participación a 160 deportistas.

"Organizando este evento, queremos concienciar á xente de que si se pode celebrar unha proba ao aire libre, a condición de que se trate de deporte individual, cun protocolo estrito e coa maior esixencia e responsabilidade", sinalou o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, sobre o evento acompañado entre outros a presidenta de Anedia, Mari Rego; o director técnico da competición, Gonzalo Méndez; o edil Marcos Rey; o xefe provincial de Deportes da Xunta, Daniel Benavides; e o delegado da Federación Galega de Atletismo en Pontevedra, David Ferrer.

En canto ao protocolo de seguridade, Méndez explicou que "será moi especial en todos os aspectos, xa que se aplicará dentro e fóra do Estadio, tentando que non haxa nin unha soa aglomeración tamén no exterior e non permitindo que accedan ao interior máis persoas que os atletas e adestradores".

Segundo detallaron os organizadores, a Milla Solidaria Anedia contará con 16 atletas por proba (oito por carreira) desde a categoría  sub-10 ata a absoluta, tanto feminina como masculina, permitíndose un adestrador por cada cinco deportistas.

Está previsto que a a actividade de comezo ás 11.00 horas coas categorías máis baixas, mentres que a milla absoluta tendrá lugar ás 13.00 horas.

Para facilitar a súa difusión e seguimento, a xornada será retransmitida vía streaming a través da canle de Youtube de Anedia e o Facebook de Deportes Pontevedra.